DARWIN E A VIAXE DO BEAGLE
Charles Robert Darwin, o naturalista inglés que conceviu a teoría da evolución orgánica e o seu principio básico que é a selección natural foi seleccionado polo Almirantádego Británico para acompañar ó Capitán Robert Fitzroy da Royal Navy -a bordo do navío da Súa Maxestade "Beagle" para investiga-las costas da Patagonia, Terra do Fogo, Chile e Perú, para visitar algunhas illas do Océano Pacífico e para establecer unha serie de estacións cronométricas arredor do mundo.
A viaxe estaba planificada para ser de longa
duración xa que debería circunnavega-la terra saíndo de Inglaterra ata o Atlántico
Sur, pasa-lo Cabo de Fornos, percorre-lo Pacífico Sur, cruzar ata o Índico e retornar
polas costas occidentais do Atlántico ata arribar novamente a Inglaterra. O capitán
Fitzroy precisaba alguén que o acompañara para completar as súas observacións e para
darlle conversa e quen mellor que un home novo, de formación científica e sen
compromisos familiares para servir de acompañamento á expedición. O decorrer do tempo,
que todo muda e reordena,
veu conceder máis importancia ós descubrimentos en materia xeolóxica e de historia
natural que ós obxectivos primeiros daquela expedición.
Todo o traballo posterior de Darwin que culminaría coa publicación da súa teoría da evolución no seu libro "Origin of species" (A orixe das especies), arrinca das observacións e das coleccións de especimenes que recollera entre 1832 e 1836 perante a súa viaxe no "Beagle".
As illas de Cabo Verde proveeron ó xoven naturalista coa súa primeira experiencia directa da observación dun volcán, no que foi quén, a partir de experiencias propias de comproba-las teorías do xeólogo Charles Lyell e moi en particular a teoría que sostén que as leis naturais se aplican dun xeito uniforme a través do tempo.
No Brasil, Darwin entrou por primeira vez en contacto coa selva tropical e a súa biodiversidade; na Arxentina atopou os seus primeiros fósiles -perezosos, mastodontes e cabalos. Na Terra de Fogo entrou en contacto cunha raza de homes tan salvaxes, tan desprovidos de calquera sorte de crenzas que ata practicaban o canibalismo e que segundo o propio Darwin, "era difícil acreditar que fosen humanos". Tres daqueles homes foran conducidos a Inglaterra tres anos atrás polo propio Capitán Fitzroy para "ensinarlles os fundamentos da fe cristiá e o uso dos instrumentos" e foron daquela, con ocasión da visita do "Beagle" repatriados. O xove Darwin confesábase abraiado "ó ver que tres anos foran bastantes para mudar os hábitos daqueles salvaxes nos de tres europeos"
En Chile Darwin foi testemuña dun tremor de terra e observou os seus efectos en modifica-la altura da terra e a súa conexión coa erupción dun volcán. Repetidamente aventurouse en terra facendo longas, arduas e ata perigosas expedicións na procura de especimenes botánicos e zoolóxicos chegando aínda a ascender á Cordilleira dos Andes e a pasar dende Chile á Arxentina.
Das costas de América do Sur continuo viaxe ata as illas Galápagos e xa logo a Tahiti, Nova Celandia, Australia, Illas dos Cocos, Mauricio, África do Sur, Santa Helena, a Illa de Ascensión, outra vez Brasil (para comproba-las medicións dos cronómetros) e xa de regreso a casa, arribando ó porto inglés de Falmouth o dous de Outubro de 1836.
Neste fragmento final, que a continuación se ofrece na súa versión en galego, Darwin reflexiona sobre as necesidades de formación e de preparación previa que debería ter calquera investigador que afrontase unha tan longa e tan demorada viaxe por mar, ó tempo que anima a tódolos xóvenes naturalistas a intentar empresas deste xénero para coñecer mellor a natureza e os seus mecanismos. Fala das vantaxes e desvantaxes dunha tal viaxe e da necesidade para un científico de coñecer, viaxar, estudiar.
Moito tempo ten transcorrido dende esta viaxe de Darwin polos océanos do mundo e malia o desenvolvemento abraiante da tecnoloxía son moitas aínda as especies de plantas e animais que quedan por descubrir, por investigar, por entender. Nestes anos, as teorías de Darwin teñen sufrido de fondas e razoadas críticas e de apaixonadas defensas. Froito da revisión e dos avances na comprensión da natureza sufriron de explicación no concreto e de refutación en certos aspectos menores, pero manteñen, en esencia, a súa vixencia na corrente científica que veu denominarse Neodarwinismo.
Espero, pola miña parte que esta mínima
contribución ó coñecemento de Darwin anime ós nosos biólogos e naturalistas a viaxar,
estudiar e experimentar, fontes estas de coñecemento e de lecer, de equilibrio interior e
de necesario distanciamento coa particularidade da realidade cotián -ruído excesivamente
próximo que perturba, ás veces, a comprensión do mundo.
TRADUCCIÓN DO FRAGMENTO FINAL DO
JOURNAL OF RESEARCH INTO THE GEOLOGY AND NATURAL HISTORY OF THE VARIOUS COUNTRIES VISITED
DURING THE VOYAGE OF HER MAJESTY SHIP BEAGLE ROUND THE WORLD , DA AUTORÍA DE CHARLES
DARWIN.
"No último día de agosto ancoramos por segunda vez en Porto Praia, no arquipélago do Cabo Verde; a partir de alí seguimos ata os Azores onde estivemos seis días. No segundo día de Outubro arribamos a Inglaterra, e en Falmouth deixei o Beagle, logo de vivir perante preto de cinco anos naquel pequeno navío.
Chegados á fin da nosa viaxe, farei unha retrospectiva das vantaxes e desvantaxes, das dificultades e dos praceres da nosa circunnavegación do mundo. Se algunha persoa pedira o meu consello denantes de partir nunha longa viaxe, a miña resposta dependería moito da súa posesión dun gusto decidido por algunha rama do saber, que podería, por esta vía, ser acrecentado. Non hai dúbida de que é unha gran satisfacción o contemplar varios países e as moitas razas da humanidade, pero os praceres obtidos, co tempo, non contrapesan as maldades.
Moitas das perdas que se experimentan son obvias;
como é a compañía de todos e cada un dos amigos, e da visión de todos aqueles lugares
ós que, en cada íntima lembranza, estamos tan intimamente conectados. Esas ausencias,
nembargante, están ó tempo satisfeitas parcialmente pola inesgotable delicia de
anticipar o longamente anceiado día do retorno. Se, como din os poetas, a vida é un
soño, estou certo que nunha viaxe son esas visións as que mellor serven para pasar a
longa noite. Outras carencias, aínda que non nunha primeira instancia, aboian pesadamente
logo dun tempo: son esas a nece-sidade de espacio, de intimidade, de descanso; o
sentimento esgotador dunha présa constante; a privación dos pequenos luxos, a perda da
vida doméstica e aínda da música e doutros praceres da imaxinación. Cando se
mencionan esas miudezas, e que as verdadeiras queixas da vida no mar, agás no acaso dun
accidente, están finalizadas. No curto espacio de sesenta anos estableceuse unha
diferencia sorprendente na facilidade da navegación longuiña. Aínda nos tempos do
capitán Cook, un home que deixaba o seu lar para afrontar unha tal expedición
experimentaba severas privacións. Hoxe en día, un veleiro pequeno, con todos os luxos
posibles, pode circunnavegar o globo. Ademais das grandes melloras nos navíos e nos
recursos da navegación, a totalidade da beiramar do oeste de América está aberta e
Australia se converteu na capital dun continente emerxente. ¡Qué diferentes son hoxe en
día as condicións que ten que soportar un náufrago no
Pacífico que as que existían nos tempos de Cook! Dende a súa viaxe engadiuse
un hemisferio ó mundo civilizado.
Se unha persoa sufre moito de mareos, deixádeo confrontaren-se duramente co balance. Falo por experiencia: non é unha doenza sen importancia, sana nunha semana. Si, doutra banda, disfruta das técnicas de navegación, terá con toda seguridade enteira satisfacción ó seu gusto. Pero debe de se ter en conta o grande que é nunha longa viaxe a proporción dos días pasados no mar en comparación cos pasados en terra. ¿Cales son as glorias benfeitoras do océano infinito? Unha tediosa inmensidade, un deserto de auga, como o chaman os Arabes. Non hai dúbida que existen esceas encantadoras.
Unha noite de lúa chea, coa claridade dos ceos e a escuridade escintilante do mar, e as velas inchadas polo aire suave dun vento que xifla lenemente; un calmeiro, coa superficie do ceo pulida como un espello, e todo detido agás o aletexar ocasional do velame. As veces tamén esta ben pasar un vento racheado co seu arco emerxente e a esperada furia, ou unha terrible galerna de vento e de ondas coma montes. Confeso, daquela, que a imaxinación ten pintado algo máis grande, máis terrible na tormenta emerxente. É un espectáculo incomparablemente mellor cando observado dende terra, donde ás árbores ondean, o voo salvaxe dos paxaros, as sombras escuras e as luces brillantes, a velocidade da enzurrada, todos proclamando o conflicto dos elementos desatados. No mar os albatros e o pequeno petrel voan coma se a tormenta fose a súa propia esfera, as ondas ascenden e se afunden coma se cumpriran a súa función usual, o navío solitario e os seus habitantes semellan ser os únicos obxectivos da cólera. Na desolación dunha costa batida polas ondas a escena é, por suposto, diferente, pero os sentimentos participan máis do horror que do disfrute da natureza
Deixadenos agora ollar para o lado brillante do pasado. O pracer derivado da contemplación do escenario e do aspecto xeral dos varios países visitados foi certamente a fonte de disfrute máis constante e máis importante. É moi probable que a beleza pintoresca de moitas partes de Europa exceda calquera cousa que teñamos contemplado. Pero existe un pracer crecente na comparanza das características do escenario nos diferentes países, que en certo sentido é distinta da mera admiración da súa beleza. Depende maiormente do coñecemento das partes de cada vista: Estou plenamente tentado a crer que, como na música, a persoa que entenda cada nota pode, se posue ó mesmo tempo un gusto axeitado,- disfrutar máis facilmente da totalidade, así cando examina cada parte dunha boa vista, pode tamén comprende-la na súa grandeza e no efecto da combinación das súas partes. Porén, un viaxeiro debe ser botánico, xa que en tódalas paisaxes as plantas forman a parte máis sobranceira do decorado. As masas agrupadas de rochas espidas, aínda nas formas máis salvaxes, poden durante un tempo proporcinar un espectáculo sublime, pero deseguida se faran monótonas. Pintense con cores brillantes e variadas, como no norte de Chile, e voltaranse fantásticas; vistanse con vexetación e formaran un decente, senón fermoso lenzo.
Cando digo que a paisaxe dalgunhas partes de Europa é probablemente mellor que calquera outra que poidamos contemplar, deixo fóra, como unha clase en si mesma, a das zonas intertropicáis. As dúas clases non poden ser comparadas; pero eu magnifico normalmente a grandeza desas rexións. Como a forza das impresións depende moito das ideas preconcebidas, debo engadir, que as miñas foron tomadas das vívidas descripcións da narrativa persoal de Humboldt, que excede con moito en mérito a calquera outra que eu teña lido. Así, con isas ideas forxadas, os meus sentimentos estaban lonxe de compartir unha migalla de decepción no meu primeiro e último desembarco nas costas do Brasil.
De entre as paisaxes que permanecerán intensamente
gravadas na miña mente, ningunha excedeu en sublimidade á das florestas primordiais non
luxadas pola man do home; ben aquelas do Brasil onde predominan os poderes da vida, ou as
da Terra de Fogo, onde prevalecen a morte e a descomposición. Ambas son templos cheos
coas variadas produccións do Deus da Natureza: ninguén pode pemanecer inmóbil nesas
soidades e non sentir que hai algo máis no home que o simple alento do seu corpo. Cando
chamo polas imaxes do pasado, vexo as chairas da Patagonia cruzar frecuentemente diante
dos meus ollos; aínda que esas chairas son consideradas por todos miserables e inútiles.
Só poden ser descritas con caracteres negativos; sen casas, sen auga, sen árbores, sen
montañas, soportando tan só algunhas plantas enanas. ¿Porque daquela, e o caso non é
específico da miña persoa, teñen esas terras desocupa-das enraizado tan intensamente na
miña memoria? ¿Porque non producen as tranquilas e elevadas Pampas, máis verdes e máis
vizosas, útiles para a
especie humana, unha impresión semellante? Dificilmente podo analizar estos
sentimentosaccidente: pero deben ser parcialmente poseidos pola visión libre dada a
imaxinación. As chairas da Patagonia non teñen límites, sendo dificilmen-te
transitables, e porén descoñecidas: teñen a marca de ter durado, como son agora, por
tempos inmemoriais, e semellan non ter límite na súa duración no futuro. Si, como
supoñían os antiguos, a terra cha estivese arrodea-da por unha extensión infranqueable
de auga, ou por desertos requecidos ata un exceso intolerable, ¿quén non ollaría para
esas últimas fronteiras coñecidas con profundas pero enfermizas sensacións?
Finalmente nas paisaxes naturais, as visións dende as altas montañas, aínda que dalgún xeito podan semellar non moi bonitas, son verdadeiramente memorables. Cando se olla cara abaixo dende as máis altas cristas da Cordillera , a mente, desinteresada dos pequenos detalles, enchese coas dimensións asombrosas das inmensidades que a arrodean.
Dos obxectos individuais, se cadra nada é máis certo de crear sorpresa que a visión príncipe dun bárbaro no seu medio natural,- de home no seu estado máis baixo e salvaxe. A mente viaxa rápidamente séculos atrás e pregúntase ¿serían os nosos proxenitores homes como estos?; homes nos que os signos e as expresións son menos intelixibles para nós cós dos animáis domesticados; homes que nin posuen os instintos deses animais e nos que aínda non semella agromar a razón humana, ou no menos as artes consecutivas a esa razón. Coido que non é posible describir ou pintar as diferencias entre homes salvaxes e civilizados. É a mesma diferencia que entre un animal salvaxe e un animal domesticado: é parte do interese en observar un salvaxe, é a mesma que temos cada un de nós de desexar ver o león no seu deserto, o tigre atacando a súa presa na selva, ou o rinoceronte vagando sen rumbo nas chairas salvaxes de África.
Figuran entre os espectáculos máis sobranceiros
que temos observado a Cruz do Sur e a constelación de Magallanes e outras constelacións
do Hemisferio Sur -o tornado- o glaciar guiando a súa corrente de xeo azul, pendurando
enriba do mar nun precipicio intrépido -un atolón elevado pola fabrica dos corais -un
volcán en erupción- e os efectos devastadores dun violento tremor de terra. Se cadra
estos últimos fenómenos, posuen un interese moi particular, pola súa conexión coa
estructura xeolóxica interna da terra. O terremoto, nembargantes, debe ser para todo o
mundo un evento dos máis
impresionantes : a terra considerada dende a nosa máis tenra infancia como o paradigma da
solidez, oscilou baixo os nosos pes como unha fina codia, e vendo todos os traballos da
industria humana destruidos nun instante, sentimosa insiñificancia do seu pretendido
poder.
Dise que o pracer da caza e unha ledicia inherente
á condición humana - a reliquia dunha paixón instintiva. Se é así, estou seguro que o
pracer de vivir ó aire libre, co ceo como teito e o chan como mesa é parte do mesmo
sentimento; é o retorno do salvaxe ás súas costumes primitivas e naturais. Sempre ollo
cara atrás ós nosos periplos e as xornadas en terra, cando a través de países
inexplorados, cunha extrema satisfacción, nos que paisaxes civilizados poderan ser
creados. Non teño dúbida de que cada viaxeiro debe lembrar o senso ardente de felicidade
que experimente, cando respire por primeira vez nun clima estraño, onde ningún home
civilizado ten pisado
nunca ou rara vez.
Hai moitas outras fontes de disfrute nunha longa viaxe, que son dunha natureza máis razoable. O atlas do mundo deixa de ser mudo; volvese unha imaxe chea das figuras animadas máis variadas. Cada parte asume as súas propias dimensións: os continentes non son concebidos á imaxe das illas, ou as illas consideradas como meras partículas, que son, na realidade, máis grandes que a meirande parte dos reinos de Europa. Africa e América do Norte ou do Sur, son nomes ben coñecidos, e regularmente citados; pero non é ata que se navega durante semanas ó longo das súas costas que un plenamente convencido dos vastos espacios do noso inmenso mundo implican eses nomes.
Vendo o estado actual das cousas, é imposible non
ollar con curiosidade cara ó futuro progreso de todo un hemisferio. A mellora
experimentada pola introducción do cristia-nismo en tódolos mares do sur, persistirá
por si mesma nos anais da historia. É aínda máis impresionante cando pensamos que fai
sesenta anos, Cook, do que ninguén disputa o seu excelente xuízo, non podía prever
ningunha posibilidade de cambio. Certamente agora eses cambios foron posibles polo
espíritu filantrópico da nación británica.
No mesmo cadrante do globo Australia está emerxendo, ou mesmo se pode dicir que xa emerxeu, nun gran centro de civilización, onde, nun tempo non moi remoto gobernará coma unha emperatriz sobre todo o hemisferio. É imposible para un inglés observar esas distantes colonias sen un inmenso sentimento de satisfacción. Iza-la bandeira británica, semella levar aparellado como consecuencia, riqueza, prosperidade e civilización.
En conclusión, é o meu parecer, que nada pode enriquecer máis a un xoven naturalista que unha viaxe a países remotos. Excita ó mesmo tempo, e parcialmente conxuga o desexo e a ansiedade, coa que, como sobrancea Sir J. Herschel , un home experimenta cando cada un dos seus sentidos corporais e plenamente satisfeito. A excitación pola novidade dos obxectos, e a posibilidade de éxito, o estimularan a medrar na súa actividade. Ademais, en canto o número de feitos illados comecen a ser interesantes, o costume da comparación leva á xeneralización. Por outra banda, como o viaxeiro reside só pouco tempo en cada lugar, as súas descripcións consisten, xeralmente, en pequenas notas en lugar de seren observacións polo miúdo. Cando isto acontece, como teño sentido por min propio, existe a tendencia de encher amplas carencias de coñecemento por hipoteses superficiais ou pouco rigurosas.
Pero eu tamén disfrutei moito da viaxe para non
lle-la recomendar a calquera naturalista, aínda que non poda esperar ter unha compañía
tan boa coma eu tiven, a aproveitar tódalas oportunidades, e a comezar, en viaxes por
terra se é posible, e senón nunha longa viaxe. Pode estar seguro, nunca atopará
dificultades ou perigos, agás en casos excepcionais, tan terribles como os que
anticipara. Dende un punto de vista moral, o efecto debe ser aprenderlle pacencia
benhumorada, libertade para o egoismo, o habito de actuar por si mesmo, e extraer o mellor
de cada suceso. En resumo, debe comparti-las cualidades características da meirande parte
dos mariños. O viaxar debe aprenderlle tamén desconnecesidadefianza; pero ó mesmo tempo
vai descubrir, canta xente de bo corazón hai, xente coa que nunca antes tivo e pode que
nunha vaia ter outra vez ningún xeito de contacto, pero que están alí atentos a
lle ofrecer a axuda máis desinteresada."
(Traducción, notas e comentarios a cargo de Xavier
Queipo, biólogo e escritor)