A navegación do Xurelo. Defender o mar, salvar a vida
Por Enrique Álvarez Escudero
Xuño de 1980. As reivindicacións ambientalistas eran noticia e o movemento ecoloxista galego comezaba a andar só. O buque ecoloxista Rainbow Warrior, que facía intensa campaña xunto aos grupos pola defensa da natureza para chamar a atención da opinión pública contra a caza dos grandes cetáceos, foi apreixado pola Mariña e ficou logo retido no porto de Ferrol ata a súa espectacular fuga cinco meses despois.
Antes de dous anos decretouse a moratoria mundial da caza de baleas.
O luns 14 de setembro de 1981 o Xurelo, un pequeno barco palangreiro, viaxa ata a chamada Fosa Atlántica para expresar o rexeitamento ao perigoso, ilegal e secreto vertido de residuos a 450 millas da costa galega. Os buques holandeses Louise e Kristen Smiths pretendían deitar no mar 6800 toneladas de lixo radioactivo. O Xurelo saíu ao seu encontro, para evitalo, para impedilo, ou polo menos para largar a voz da protesta sobre tanto despropósito.
Nas primeiras horas da tarde, con tempo soleado e mar en calma, o Xurelo partiu do porto de Ribeira cara á Fosa Atlántica. Navegabamos a 9 nós e estaba prevista a chegada á área dos vertidos para a madrugada do mércores.
Para localizar os barcos do delito eran precisas cartas de navegación e coñecer as coordenadas da área prevista para os vertidos. Dende o Xurelo agardábase que coa axuda do buque Sirius, de Greenpeace, fose máis doada a busca dos barcos holandeses, mais o Sirius finalmente ficou en Plymouth, con avaría.
No Xurelo o alto mar fai estragos na pasaxe, e os mareos son continuos. Albíscase un grupo de baleas e navégase coa escolta de golfiños e pardelas. A costa xa desaparecera da vista. Un avión, probabelmente holandés, pasa sobre o barco tirando fotos. Ao día seguinte é un helicóptero o que controla a posición. Na primeira noite recebemos orde da axudantía de Mariña de Ribeira de volver ao porto, pero pouco despois anulouse a orde. O noso único contacto con terra é polas radios costeiras de Vigo e Fisterra, que informan sobre o estado do mar e dan a previsión do tempo. Proseguimos a nosa ruta e decidimos emitir por radio unha mensaxe, en galego, castelán e inglés, que di como segue:
“Aquí o pesqueiro Xurelo, a todas as embarcacións que escoitan. Dirixímonos á fosa mariña onde dous barcos holandeses, o Louise Smiths e o Kristen Smiths, van deitar residuos radioactivos. Vimos no nome de Galiza, vimos no nome de todos os pobos que queren a paz e un progreso que non destrúa a natureza. Vimos no nome propio e no de todas as xeracións futuras. O Atlántico é unha fonte de riqueza e un horizonte de comunicación, non queremos que convertan o Atlántico nun cemiterio nuclear. O Atlántico é un sinal de identidade para Galiza e un símbolo de vida para todos os pobos. Non queremos que o convertan en símbolo de morte. Esta é a razón do noso desprazamento dende a verde terra da Galiza, esta é a razón pola que pedimos a vosa axuda. O noso indicativo é Eko-Alfa-99-79. Dádenos novas do Louise e do Kristen Smiths, e se vos é posíbel, desprazádevos á zona dos vertidos radioactivos.
Pola salvación do océano, no nome da vida e das xeracións vindeiras, estamos aquí para testemuñar o noso rexeitamento no nome dos que cremos nun futuro mellor para a humanidade.”
Nin levabamos aparellos de navegación en condicións nin aquel era un barco para estar naquel lugar, pero grazas á pericia de Ánxel Viña, patrón do Xurelo, estabamos na Fosa Atlántica. Despois dalgún tempo de perseguir barcos coma quen busca unha gota de aceite no océano, cun mar que a cada intre empeoraba máis e xa pensando en dar volta, localizamos os piratas. Alí estaban, deitando no mar mediante guindastres os bidóns de residuos radioactivos. Situámonos entre o Louise e o Kristen Smiths, e naquel momento tivo lugar o acto formal da nosa protesta. Botamos flores ao mar, cantamos o himno e fixemos soar as sirenas do Xurelo. Mantivémonos alí ata que unha fragata holandesa que protexía aqueles dous barcos tentou unha abordaxe á nosa nave, polo que tivemos que saír da zona, diante do perigo que supuña para as nosas vidas. Sen máis, e co tempo indo a peor, puxemos rumbo a Fisterra. O sábado 19 de setembro divisamos de novo terra galega, e xa na altura de Sálvora fomos retidos algún tempo por unha patrulla da Mariña española. Embarcáramos ilegalmente, pois seica non tiñamos cartilla de navegación, obrigatoria para enrolarse en calquera barco.
Ás cinco da tarde arribamos ao porto de Ribeira. Descoñeciamos a repercusión que puidera espertar aquela pequena aventura, aínda que centos de persoas agardaban no peirao o atraque do Xurelo.
Dous anos despois decretouse unha moratoria sobre os vertidos radioactivos no mar.
Na madrugada do mércores 18 de decembro de 2002, noite de temporal e moito mar, o Xurelo afundiuse no porto de Ribeira. Aquela mesma madrugada o chapapote do Prestige batía contra os cantís de Sálvora e as pedras do Vilar, ameazando o interior das rías despois de asombrar a Costa da Morte. E como ocorrera vinte e un anos atrás, unha parede de madeira, desta vez de milleiros de embarcacións, aprestábase para frear unha nova vaga de lixo na costa.
[Texto da exposición: O LADO DA SOMBRA. Sedición gráfica e
iniciativas ignoradas raras ou desacreditadas enre 1971 e 1989. Fundación Luis
Seoane 2005. A Coruña. Un proxecto de Anxo Rabuñal Rey.]