| Entre tempos |
| José L. Dasilva N. |
«Non sempre somo-lo que queremos. As veces só somo-lo que podemos ser, o que nos deixan; o que a vida ten por ben moldear co iste barro do que estamos feitos... E mentres mais profunda sexa a diferencia entre unha cousa e a outra, entre o "ser" e o "querer ser", mais fondos serán, á sua vez, os nosos conflictos internos e mais negra-las pantasmas que nos toman por residencia».
Aquela voz estoupou nos meus oidos como o derradeiro intento por facerse escoitar dun eco canso, magoado de tanto ir e vir rebotando entre neuronas. Tan absorto como estaba nos meus pensamentos non sabería dicir en cal intre do tempo aquel ancián -mais semellante a unha sombra que a un home- ocupou o sitio valdeiro á miña beira naquel banco do peirao, nin canto tempo facía que estaba alí. Cando cheguei ainda o sol traballaba no seu derradeiro lenzo da tarde: o retrato dun día que termina.
Mirámonos a un tempo. Ante o meu sobresalto non fixo mais que encollerse de ombros e devolveu a sua vista ó mar coma tentando de hipnotiza-las estrelas. Confundeuse por un momento entre as cores daquel punto no infindo que tan fixamente miraba e voltou de súpeto para engadir:
«Xa ves, bo amigo. Non sempre trunfa quen mais se esforza nin sempre quen mais sufre é quen mais chora. Eu xa non choro anque sufra. As bagoas nubran a vista: impídenche ve-lo camiño; e, con dor ou sen dor, é preciso ver claramente para poder adiantar. De calquera xeito, agora, ¿de qué me vale chorar?. Hoxe que o meu tempo fuxeu, quédame só o recordo daquelas sendas que andiven e a nostalxia, que non o laio, polas que houbera querido andar.»
Falaba a modo pero sen medir ou pensar nas palabras, coma lendo algún discurso previamente meditado e escrito nos folios da alma.
Falaba lentamente, ca calma de quen ten tempo de sobra; e, non sei, quizais realmente tiña tempo de sobra ou xa o tempo eralle tan pouca cousa que lle sobraba. Quizais, simplemente, importáballe pouco non poder chegar a dicilo todo e, se falaba, era xustamente para distrae-lo paso das horas. Quizais pouco ou nada importaba que alguén escoitara ou non. En realidade falaba co-el mesmo.
Os seus ollos ficaban inmóbiles mentres falaba. Miraba ó fronte como se a sua vista estivese encadeada a algún punto do horizonte.
- Daquel lugar -díxome alzando o seu brazo enteiro para sinalar un punto imaxinario sobor daquela liña xa, por si mesma, imaxinaria- daquel lugar ¿podes velo?
mais alá do azul ceo,
mais alá do verde mar.
Daquel lugar onde o vento
retírase a descansar.
Daquel lugar saín un día
cara un mundo que non podería
mais que en sonos ser verdade.e, mentres isto dicía, polos seus ollos desfilaban unha sinfín de imaxes perdidas na distancia. Remotas imaxes de prados verdes entre montañas; de camiños de terra entre grandes arboredas; de noites escuras e frías pero tamén, de noites de lua chea casi tan claras coma calquera día; de longas xornadas de sol e interminables días de chuvia.
Resumía no seu interior moitas historias, como se houbese aprehendido para si mesmo toda-las historias vistas, oidas ou adiviñadas, pero só unha era a sua propia historia. A historia de quen chora é a historia de todolos que choran. Cadansua cos seus propios matices pero, ó fin, a mesma historia.
«¿Chorar? ¿para qué? Se cadra límpache os ollos, pero non che limpa a alma nin a alixeira do peso do seu lastre. O laio polo perdido é somentes unha forma de darnos tempo mentras buscamo-la mellor maneira de supera-la perda; e á final, teremos perdido non só o perdido senón tamén o tempo consumido en lamentalo. A tristura, por outra banda, non é mais que unha excusa para facer de veiras coa realidade namentras atopamos o modo de enfrontala. ¡Qué semellante é a tristura á tolemia!. ¿Por qué lamentarse?. ¿Por qué a tristura?. ¿Por qué chorar?. Ó fin e ó cabo, non eres senón o que eres e non estás senón onde estás. Ó 'querer ser' e ó 'querer estar' adicaslle a vida enteira pero é no 'ser' e no 'estar' que padeces, onde verdadeiramente se che vai a vida. Fuxe o tempo...» - perdeuse novamente entre as augas calmas daquel mar e voltou de súpeto para exclamar tras dun salaio - «¡e vaiseche a vida!».
Na leira deixou o pan
deixou o viño no viñedo.
Sobrepúxose ó seu medo
e dou loita ó temporal.Camiño de "algures" marchou por buscar futuro
«Va ilusión o futuro
Viaxeiro que nunca chega
Promesa que non se cumpre.
Va ilusión o futuro
Promesa dun pasado que se foi
Esperanza dun presente sen espera...
A esperanza disólvese...
E o futuro nunca chega.»sen mais equipaxe que unhos soños, marchou por buscar futuro.
Pero foi buscar futuro
- é aí onde o erro estivo -
por vieiros de pasado
coa lembranza ó seu lado
mais ca do tempo gañado
daquel minuto perdido
encadeado á sombra
dalgún tempo non vivido
e a sombra é só sombra
unha imaxe aparente
un engano da luz.«Funche un home só, ou creín selo, entre unha multitude de homes sós e cando creín telo todo, deixei o todo que tiña por buscar aquelo que había deixado atrás... no tempo... na distancia... porque un só corpo é pouca alforxa para semellante carga; porque nada é nunca todo ¡sempre hai algo que te falla!.
«Amei a compaña e busquei a soidade como aventura... ou ¿foi ó revés... que amei a soidade e busquei os praceres da compaña? ¡Xa nin sei!. Lembro, nembargantes, que non sempre estiven só. Lembro mesmo que ata tiven algún amigo... pero a memoria do home éche feble, nútrese da presencia e na ausencia descárgase: cóbrea o mofo do esquecemento... non sempre quen te acompaña é quen camiña contigo.
«Non souben facer do esforzo un instrumento productivo.
Desfíxenme quizais en soños
- se cadra soñei de mais -
e soñar foi o meu castigo.
Quizais coma Segismundo
fun engadindo entre tempos
as meles do soñado
ás augas do vivido.Tras unha pausa, repiteu coma pensando en voz alta:
-Un Segismundo entre tempos
que mesturou no mesmo pozo as meles do soñado e as aguas do vivido.-Para engadir, de seguido
Quixotesco en ocasiós,
aferrado á miña tolemia,
acabei sendo un escravo de min mesmo.
Folla enxoita ante un tornado de ilusiós
Fun meu mais fiel compañeiro
e o meu peor inimigo.»
¡Quixotesco!
Pobre home aquel nomeado Don Quixote.
Él non foi mais ca un escravo do seu soño
e o seu soño levouno á tolemia
que, entrambos, é o salto ben pequeno...Faloume dos seus grandes soños; da sua búsqueda incesante: un por qué para a vida «(...)porque debe habelo, doutro xeito, ¿qué nos fai diferentes, no esencial, da árbore que nos da sombra unha tarde calquera de verán? ¿qué nos fai diferentes se ó final, coma o leño aquel que ardeu na fogueira, soamente somos cinza ó vento? ¿ónde nos queda a conciencia? ¿para ónde vai o sentimento? ¿Qué nos da a condición de humanos? ¿No é ilóxico o pensamento se ó final non somos mais ca o plato forte para unha festa de vermes? ¿Vivir para morrer? ¿Morrer para ter mais vida? ¿Nacer? ¿para qué?
«Na contraportada do caderno de notas no que escrivía un poeta descoñecido que coñecín, lembro ter lido algo mais ou menos así:
"...agora coido que a morte e a única razón da vida. Nacemos para morrer e iste curto espacio de tempo que transcorre entre o nacemento e a morte é a única oportunidade que temos de prepara-la nosa chegada a onde sexa que debamos ir. Do mesmo xeito en que nós subimos a un avión para desprazarnos a un lugar lonxano, a enerxía aborda o corpo humán -material- para viaxar. ¿O destiño? ¡Quén sabe! Quizais un estado diferente de enerxía dentro do mesmo universo."
«Ben. Non sei ata que punto eso sexa certo nin tampouco estou seguro de poder afirmalo ou negalo con total convicción; ¿haberá quen poida? O certo é que o significado da vida vai mais alá do vivir biolóxico que atribúelle a ciencia. Dime, ¿desaparece acaso a enerxía eléctrica cando ti apaga-la luz? ¿Se destrúes os xeradores de enerxía eléctrica, a auga que utilizamos para producila, desaparece do río?. A ciencia explica os feitos mais complexos pero esquécese das observaciós mais sinxelas, obvia o trivial e, o trivial, non por coñecido deixa de estar aí, coma nós, no mundo real.»
Falaba sen descanso. Lentamente, pero sen descanso. Divagaba de tal maneira que houbera sido imposible manter unha conversa coherente. Pasaba dun tema a outro coma tentando sair dun labirinto; aproveitando cada cruzamento que atopaba no seu pensamento para desvia-lo camiño sen habelo completado
- «para non perde-la idea...»
e despois nunca voltaba.
Eu escoitaba a cachos e a cachos perdíame no meu propio labirinto mental -a miña propia madexa de sentimentos, digamos, non menos vasta cá dél pero iso sí, mais confusa e desordeada-. Él dábase conta dalgunha maneira i enton trocaba o ton da sua voz; facíase mais sibilante, coma se de repente escupira unha palabra que se negaba a sair e cando notaba ter recuperada a miña atención voltaba ó seu ton doce, casi inaudible. ¡Xusto o que eu precisaba!. Dos tres bancos que había, dous estaban valdeiros e ¡tuvo que escoller aquel precisamente para sentarse!.
Achegueime a aquel curruncho do peirao, esa tarde, buscando a soidade; fuxindo do barullo de coches e persoas que pasean a diario as rúas da cidade -coma se ó fuxir do mundo que che rodea poideras fuxir de tí mesmo-. O vento frío do norte afasta á xente das veiras do mar. Nin as parellas de namorados que buscan a escasa luz e perspectiva escaleiras abaixo para ter un pouco de intimidade, a falla dun mellor lugar, se achegan alí en tempos coma iste. Fun precurando soidade mais alá da soidade -Quizais cá idea de mergullarme na soidade- e atopeime ca compaña dun sinfín de soidades alleas... ou non tan alleas... ¡que semellantes ás miñas eran aquelas divagaciós! ¡que familiar facíaseme aquel cúmulo de pensamentos! ¡Con que facilidad penetraba aquel estrano no meu interior e extraía, das miñas propias angustias, un tema para seguir falando e arredarme de -xa non sei cales eran, realmente- as miñas intencios!.
O seu discurso, dinme conta ó fín, non me era descoñecido. Non era o seu propio discurso. ¡Era o meu!. El non facía outra cousa que lelo, ordenalo e devolvermo reescrito dunha forma algo mais coherente, mais comprensible, poderíase dicir. A soidade non quere soidade.
«Xa ves, bo amigo. Non sempre trunfa o que mais se esforza nin sempre chora o que sufre mais.»
¡Silencio!.
Todo quedou en silencio.
Silencio de soidade e abandono.
Silencio de flores murchas que berran "as veces lémbrome de ti".
Silencio de terra, silencio de pedra, silencio de mármore.
Silencio de frío mais alá do inverno.¡Silencio!.
Nin unha palabra mais.
Miro en derredor: ¡soidade total!.¿Foi un soño acaso?. A sensación de realidade era forte de mais coma para habelo soñado.
ó cabo dun intre que adiquei a entender -ou tentalo mais ben- só puden exclamar "¡que estéas na Gloria e descanses en paz!". Despois, silandeiro, co meu tempo a costas, co xa vivido e camiñando ó fronte cara ó que virá, afasteime da costa, terra adentro; marchei do lugar.
Ai entre tempos un tempo
que adoito desprezamos.
Por enfoca-los extremos
os medios desaproveitamos.
ai entre soños un soño
que case sempre esquecemos...
(porque en lugar de vivilo
só tentamos de lembralo)Eu non son o mellor dos homes e, de certo, no podo asegurar se son ou non son o mais malo. Digamos que son un mais entre tantos. A miudo caigo en contradicciones tan estranas coma profundas -iso non é pecado-. De calquera xeito, quen crea poder afirmar que nunca se contradí -cousa que tampouco é pecado-, posiblemente sexa porque descoñece ou non é totalmente consciente da realidade do seu ser interno -e iso é menos pecado aínda-. A contradicción é, ás veces, a mellor mostra de que pensamos. Cuestionome de seguido. Vivo nun permanente conflicto conmigo mesmo. Se cadra é por iso que non sei o que é vivir en paz co meu propio pensamento. Tento de hacha-lo meu lugar embaixo do sol e levar a termo a función -isa é a miña busqueda incesante- que me corresponde como parte dese sistema universal ó que pertezo, sen interferir con ninguén e precurando, mais ben, na medida do posible, axudar a quen o necesite a atopa-lo seu propio lugar e executar a sua propia función; porque todos somos membros dun mismo corpo. Brazos, pernas, ollos, oidos ... Tamén o brazo esquerdo axuda ó dereito, xuntando forzas, para alzar un peso cando un só brazo non pode facelo...
... o final, ¿qué outra cousa pode facer
quen só sabe ser
e, aínda niso,
non é mais ca un pobre afeccionado?
| Pensamientos (Entre tiempos) | (Entre tiempos) Fragmentos de un diario |
| Escenas |
| JOsé L. DAsilva N. (E-mail: jldasilva@arrakis.es) | abril 1998
...![]() | INDICE |