EXCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NA RÚA HOSPITAL, 5. VIGO

Durante o derradeiro trimestre de 1995 e inicio de 1996, excavouse integramente un solar na rúa Hospital, 5 de Vigo, situado no centro da cidade. O solar, incluído na área de protección do xacemento romano de Areal-Pontevedra, atopábase a menos de 50 m. do lugar no que en 1953 apareceron varias estelas funerarias romanas, hoxe no museo municipal.

O solar correspóndese co patio do antigo convento de monxas do Areal, posteriormente hospital militar. Os niveis arqueolóxicos corresponderon a unha ampla banda temporal, dende o século XIX ata a época altoimperial romana. En síntese pódese dicir que baixo o nivel do XIX atópase un do XVII, outro medieval, unha necrópole que vai dende o século II ata o VI, VII despois de Cristo, unhas saíñas en toda a extensión do terreo, datables no s. II d.C. e, no derradeiro nivel, restos de ánfora de época altoimperial.

A necrópole de época tardorromana é a máis representada, atopándose enterramentos de moi diversos tipo: en tégula, granito, pizarra, ánfora, terra... a maior parte das tumbas manteñen a orientación ó nacente, do que se deduce a cristianización, se ben algunhas aparecen con enxoval, o que parece falarnos dun momento de transición entre as tradicións pagáns e as cristiáns. É de salientar a aparición de restos importantes de ánfora de tipo palestiniá, de colares e aneis formando parte dos enterramentos, dun gran edículo sepulcral de difícil identificación e os restos reutilizados dunha posible estela ou elemento dun panteón.

Esta excavación, dirixida polo arqueólogo Ángel Acuña, está pendente da redacción definitiva da súa memoria final que botará luz sobre os múltiples interrogantes que plantexa.

En calquera caso vénse a confirmar a existencia dun poboamento relativamente importante (vicus), situado no que hoxe é o centro de Vigo, se temos en conta os resultados das excavacións anteriores no edificio Ferro (no casco histórico actual), rúa Colón e Rosalía de Castro (onde aparecen unhas posibles instalacións portuarias moi preto da excavación da rúa Hospital).


Galería fotográfica das excavacións

Enterramento ánfora

Ánfora que servíu de enterramento no laboratorio para a súa musealización

Tumba 1

Tumba de laterais de mampostería, solo e cabeceiras de tégula

Tumba 2

Excavación dunha tumba con restos humanos

Estela

Estela funeraria (s.II?) reutilizada noutra tumba de época posterior

Vista aérea

Vista aérea parcial no momento das excavacións

Restos humanos

Detalle de tumba (s. III-IV?) con restos humanos. Restos actualmente en restauración

Restos humanos 2

Os restos anteriores, no laboratorio (Tomos, S.C.), para restauración e musealización

 

 

 

+ VIGO

Introducción Arqueoloxía Casco Viejo Casco Vello Arquitectura Etnografía Emigración Miscelánea Natureza Inicio Enlaces Correo