V I G O . Patrimonio arqueolóxico

 

O mapa arqueolóxico do termo municipal de Vigo conta con 120 xacementos e 30 achados soltos catalogados, correspondentes a tódalas etapas arqueolóxicas, dende o paleolítico ata a idade media. Esta forte presencia de restos arqueolóxicos proban a antigüidade e importancia da ocupación humana nesta área. A intensificación da actividade arqueolóxica arroxará con seguridade datos relevantes sobre a importancia deste enclave dentro da prehistoria e historia de Galicia. A recente aparición no casco urbano, nas escavacións da rúa Hospital de indicios e evidencias dunha importante ocupación humana en época tardorromana e altomedieval -mesmo con restos que indican neste mesmo xacemento un nivel altoimperial- colocan a Vigo nun lugar de referencia relevante na investigación histórica de Galicia e rachan co tópico dun Vigo sen raices. Sen embargo, a maior parte da riqueza arqueolóxica do municipio está sen estudiar, carece aínda dunha protección adecuada e fica desaproveitada como recurso sociocultural.

ADVERTENCIA IMPORTANTE

Os achados arqueolóxicos máis antigos descubertos na bisbarra viguesa pertencentes ó paleolítico -como os bifaces atopados nas parroquias de Bouzas, Comesaña, Teis ou Coruxo-, documentan a ocupación temporal desta zona contra o 150.000 a.d.C, por grupos nómadas de cazadores-recolectores.

Algunhas pezas líticas que se exhiben no Museo Municipal, veñen amosar tamén a existencia dunha etapa mesolítica entre o 6.500 e o 4.500 a.d.C. con vencellos a labores mariños.

A existencia de numerosos dólmenes na área xeográfica viguesa parecen demostrar un importante desenvolvemento desta zona durante a denominada cultura megalítica datable entre o 3.000 e o 1.800 a.d.C. con características xa sedentarias e unha actividade agrícola e gandeira. Efectivamente, preto de 40 dólmenes ou enterramentos desta época están catalogados no termo municipal, restos do que deberon ser grandes necrópoles nesa época. A parroquia viguesa de Candeán e abas do monte Vixiador, zona de San Colmado, Rebullón e as Xunqueiras en Bembrive, en Valadares-Sobreira e As Gándaras se localizan exemplares destes monumentos funerarios. Saliéntase o que se atopa na subida á Madroa (Candeán), denominado "Casa dos Mouros", que conserva en bo estado a súa cámara funeraria formada por grandes laxas.

No calcolítico (2.000-1.800) dátanse cerámicas lisas e decoradas recentemente atopadas por afeccionados nos montes do Mouxo (área de Coruxo) . A esta época corresponden tamén a maioría dos petroglifos existentes que se distribúen polas parroquias viguesas de Beade, Comesaña, Coruxo, Matamá, Navia, Sárdoma, Teis e Valadares. De todos eles destaca o do Fragoselo en Coruxo, polas súas dimensións e o das Millaradas en Matamá, por ser o único que posúe a representación dun cérvido.

Da Idade do Bronce (1.800 ó 600 a.d.C.), ademais de petroglifos distribuidos por distintas zonas do municipio, poseemos diferentes pezas metálicas pertencentes ó bronce final: dous pequenos machados aparecidos en Matamá e Castrelos e, sobre todo, o conxunto de vintesete machados localizados en Estea (Saians).

Cara ó 600 antes de Cristo, na nosa bisbarra, como no resto do noroeste peninsular, vai desenvolverse unha peculiar cultura que coñecemos polos seus poboados fortificados (castros). Será a denominada cultura castrexa na que ó lado de características autóctonas, pódense observar influxos de Centroeuropa e do Mediterráneo. A súa sociedade é esencialmente guerreira. Dentro dos límites do noso concello temos catalogados 27 castros: A Guía en Teis, Castro de Matamá, da Madroa en Candeán, do Xestoso en Bembrive, de Valadares, O Penedo e Castro da illa de Toralla en Coruxo, Estea dacabalo entre Saiáns e Oia..., nembargantes o de maior superficie é o Castro de Vigo (situado en pleno corazón da cidade) o cal foi obxecto de sistemáticas escavacións arqueolóxicas.

Esta cultura castrexa fusionarase coa romana nun proceso lento pero progresivo a partir de finais do século I a.d.C. , momento en que todo o noroeste peninsular caerá baixo o poder romano. Esta mestura da cultura indíxena coa romana dará orixe á denominada cultura galaico-romana que adquirirá o seu máximo esplendor contra os séculos III e IV despois de Xesucristo. Este período está representado en Vigo por varias vilas-factorías (Toralla, Sobreira, O Fiunchal, Punta Borralleiro...) e necrópolis. É nesta época cando Vigo vai adquirir un extraordinario auxe económico, como nolo demostran os múltiples contactos comerciais e a emigración de habitantes da Meseta á nosa área. As recentes escavacións arqueolóxicas na vila romana de Toralla e nas rúas Pontevedra e Hospital poñen de manifesto a importancia deste espacio na antigüidade. A este período pertence, precisamente, a extraordinaria colección de estelas ou lápidas funerarias romanas localizadas na confluencia das rúas Pontevedra-Hospital-Areal e que se exhiben no Museo municipal de Castrelos, e que representan unha das "xoias" do patrimonio moble de Vigo.

Os recursos existentes

Xacementos arqueolóxicos

Paleolítico, mesolítico: pezas e achados soltos nas salas de arqueoloxía do Museo Municipal.

Neolítico: Megalitos, en especial Candeán, Vixiador e estribacións de Monte Penide.

Calcolítico: cerámicas e petroglifos

Idade do bronce: Pezas metálicas (machados) e gravados rupestres, en especial a área dos montes de Valadares, Coruxo (Mouxo), Oia, Saiáns, Comesaña. Cerámicas calcolíticas.

Idade do Ferro: 27 poboados castrexos. En especial o castro de Vigo e os de Estea e Xestoso, pola súa boa conservación.

Romanización: Vilas romanas (en especial a de Toralla e praia do Cocho). Salazóns do Fiunchal e xacementos urbanos do Areal e rúa Marqués de Valterra.

Medieval: igrexas románicas de Bembrive, Coruxo, Castrelos, capela do Freixo e restos medievales existentes nas de Sárdoma, Lavadores, Freixeiro...

Pontes medievais de Castrelos e Sárdoma. Necrópole illas Cíes. Torre medieval de Padín e Candeán.

Moderna: castelos do Castro e S. Sebastián, Casa de Arines, antigas murallas.

Xacemento do Barrio Histórico ¡novo!

Outros lugares de información

Museo municipal Castrelos: salas de arqueoloxía

Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo

Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol)

Delegación Provincial en Pontevedra da Consellería de Cultura. Arqueoloxía.

Fichas do Vigo arqueolóxico

Mapa de distribución dos xacementos no termo municipal

Dolmen Casa dos Mouros. Neolítico. 3.000-1.800 a.C.

Dolmen Chan das Formigas. Neolítico. Escavación arqueolóxica.

Petroglifo do Fragoselo. Idade do Bronce. Coruxo. 1.800-600 a.C.

Vigo. Vista aérea parcial montes de Coruxo. Zona arqueolóxica

Petroglifo das Millaradas. Matamá. 1.800-600 a.C.

Castro de Vigo. Idade do Ferro. s. II a.C.-III d.C. Vista parcial.

Vila galaico-romana de Toralla. s. III-VI d.C. Vista parcial excavacións

Vila galaico-romana do Fiunchal. Factoría de Salazóns. Excavacións. s. III-VI d.C.

Escavacións no xacemento rúa Hospital. Saíñas e necrópole tardorromana.

Vigo. Igrexa románica de Bembrive. S. XII. Tímpano porta fachada norte

Ponte medieval de Balaídos. S. XII-XIII

Xacemento do Barrio Histórico


+ VIGO

Introducción Arqueoloxía Casco Viejo Casco Vello Arquitectura Etnografía Emigración Miscelánea Natureza Inicio Enlaces Correo