VIGO. ARQUITECTURA HISTÓRICA

Texto elaborado polo historiador Xosé Mª Ramón Iglesias Veiga

Dende o inicio da segunda metade do século XIX, Vigo, a cidade galega co desenvolvemento máis vertixinoso do período contemporáneo, cambia a súa fisonomía, transformando a pequena vila mariñeira en cidade moderna, industrial e cosmopolita, aspecto que aparece consolidado nas primeiras décadas do XX. Sen enmbargo, aínda que o entramado urbano é moderno, o viaxeiro podese atopar con exemplos de arquitectura de tódolos tempos como é a románica. Dentro do seu espacio xeográfico atopamos tres igrexas románicas: Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos. As dúas primeiras do século XII e a de Castrelos cunha cronoloxía que a sitúa nos inicios do XIII, son igrexas de unha soa nave. A de Santiago de Bembrive presenta unha soa ábsida poligonal, forma de excepcional concepción que, segundo Ocaña Eiroa non é frecuente dentro do románico galego. A de Castrelos amósanos unha ábsida semicircular e en Coruxo atopamos como restos románicos mellor conservados as súas tres ábsidas semicirculares. Nas proximidades de Vigo podemos atopar outros exemplos de arquitectura románica de gran interese.

En puntos concretos da cidade e na periferia podemos atopar magníficos exemplos de arquitectura barroca do pazo, tipoloxía galega por excelencia dentro deste estilo que nace como suntuosa residencia da fidalguía galega no agro. Son edificacións dos séculos XVII e XVIII, sobre todo nesta última centuria cun perfecto perpiaño de granito combinado ás veces con muros de cachote recubertos de enlucidos brancos, construidos e cunha fisonomía caracterizada polas súas portaladas, torres, solaina, balconadas e balaustradas pétreas, escaleira, blasóns, detalles decorativos de placas, etc. Na cidade atopamos exemplos no parque de Castrelos, no que se sitúa o Pazo do mesmo nome ou de Quiñones de León, sé do museo municipal. Ademais da súa fermosa arquitectura, destacan os seus xardíns de singular beleza e xeometrismo nos que se amosa a influencia da xardinería francesa. Formando xa case parte do entramado urbano podemos observar o magnífico Pazo da Pastora ou Santhomé na parroquia de Santo Tomé de Freixeiro. Construcción rectangular con dúas torres ás beiras que ó igual có Pazo de Castrelos non presenta a tradicional escaleira exterior. Complétase a nómina de Pazos da cidade cos da Raposeira e o de Rivera Atienza e os restos do Pazo de San Roque. Nos municipios limítrofes de Nigrán e Gondomar encontramos tamén destacados exemplos desta tipoloxía barroca: Pazo de Cadaval, Pazo de Gondomar, Pazo de Pampillón, Pazo de Touza, etc.

Dentro do entramado urbano, Vigo ofrece ó visitante un interesante barrio antigo que, se ben carece de grandes edificios de carácter histórico, presenta un conxunto harmonioso no que destaca en primeiro lugar o barrio do Berbés, nacido fóra das antigas murallas como froito da actividade pesqueira dos primeiros habitantes da cidade, aínda presenta algúns exemplos de harmónica e sinxela arquitectura mariñeira, a pesar das constantes agresións urbanísticas que sofreu. Dentro da cidade histórica ubícanse os dous edificios de cronoloxía máis antiga, a Casa de Ceta ou de Arines (nº 2 da Praza de Almeida, nas inmediacións da Concatedral), construcción do século XV e a súa contigua, sinalada co nº 4 que, de xeito moi humilde, aproxímase ó estilo renacentista plateresco.

Pola harmonía das súas edificacións, en parte asoportaladas, salienta a Praza da Constitución que inclúe algún exemplo de arquitectura civil barroca serodia, como a situada na esquina que forma a praza coa rúa do Trunfo. Outros exemplos atopámoos no número 33 da rúa Real, esquina con rúa Alta e en Abeleira Menéndez nº 8. Dominando o antigo barrio de pescadores do Berbés e nun dos extremos podemos observar un dos poucos exemplos de arquitectura relixiosa barroca: o convento de San Francisco, construido no século XVII).

Dentro do casco antigo está situada a Igrexa Colexiata de Santa María (hoxe concatedral), un dos exemplos máis fermosos do estilo neoclásico en Galicia. Foi proxectada en 1811 polo arquitecto Melchor de Prado Mariño, aínda que, debido á presencia francesa en España, a aprobación do proxecto pola Academia de San Fernando espera ata febreiro de 1815. A primeira pedra colócase en 1816, demorándose a finalización das obras ata 1836. Presenta tres naves cubertas de bóveda de canón corrido, coas laterais moi estreitas e a central de gran anchura. A separación entre naves faise a través de 12 columnas dóricas co seu correspondente entablamento con triglifos e metopas. A fachada, como foi norma do neoclasicismo, amósase rigurosa, con gran perpiaño e desornamentación. Presenta un corpo central que acolle o acceso principal formado por dúas pilastras incrustadas no muro que sostén un frontón.

Nos límites do casco histórico aparecen tamén algúns exemplos de arquitectura militar barroca, como restos da muralla que circundaba a cidade, erguida entre 1656 e 1665 con motivo das guerras con Portugal (1640-1668) e que foi derribada por mor da fortísima expansión da cidade a partir de 1861. Desta arquitectura militar destaca a fortaleza do Castro que, situada no cume deste outeiro, domina toda a cidade e algúns restos do castelo de San Sebastián que se localiza na parte posterior da actual Casa do Concello.

A cidade defínese no seu aspecto patrimonial por un impresionante conxunto arquitectónico que se constrúe a causa, e de forma paralela, ó auxe comercial, industrial, poboacional, cultura, etc. da cidade desde o derradeiro tercio do século XIX ás primeiras décadas do XX. Vigo recolle o testigo de Santiago de Compostela como cidade histórica de impoñente arquitectura pétrea para incorporar magníficos exemplos de tódolos estilos que se dan cita nas décadas anteriores e posteriores ó cambio de século. Como en Santiago, continuarase en Vigo a tradición dunha suntuosa arquitectura granítica, que conservaba por enriba dos valores estéticos de cada estilo, a gran harmonía e solemnidade que lle confire a pedra ó conxunto. Nos seus edificios a xoven burguesía viguesa quixo patentizar nos signos externos a súa opulencia, incorporando os distintos arquitectos ás rúas do ensanche os distintos estilos en alza dun xeito enfático e suntuoso. Exemplos dun primeiro eclecticismo de corte reorrenacentista os atopamos na casa dos Bárcena na rúa Real nº 14 e no edificio do Rectorado da Universidade de Vigo (antigo Banco de España e Goberno Militar) na rúa Areal. Tamén a antiga Casa Consistorial con frontes ás prazas da Constitución e Princesa, proxecto de José María Ortiz, autor tamén do Pazo de Xustiza da rúa do Príncipe. Un eclecticismo máis rococó atopámolo nos números que van do 8 ó 14 da rúa Areal, conxunto proxectado por Alejandro Rodríguez Sesmero.

As principais rúas do que foi o ensanche real da cidade: Colón, Príncipe, Urzaiz, Areal, Policarpo Sanz, García Barbón, etc. conservan magníficos exemplos da arquitectura de Jenaro de la Fuente e do arquitecto, de orixe polaca e de formación francesa, Pacewicz, dentro dun eclecticismo máis cosmopolita relacionado co estilo Segundo Imperio parisino, coa presencia de mansardas e airosas cúpulas e unha suntuosa decoración clasicista executada por magníficos canteiros. De Jenaro de la Fuente podemos salientar as casas de Manuel Bárcena Franco na rúa de Policarpo Sanz esquina Velázquez Moreno, a casa nº 12 (Casa Ledo) e nº 11 (Casa Pardo Labarta) da Porta do Sol e o magnífico edificio Bonín na esquina da rúa Areal esquina Oporto. De Pacewicz o magnífico Hotel Moderno na rúa de Policarpo Sanz e o grupo de casas situadas entre os números 11 e 23 da rúa Urzaiz. Este arquitecto tamén presenta na cidade exemplos de arquitectura historicista neomedieval como a Escola de Artes e Oficios na rúa de García Barbón e a Casa Yáñez na rúa da Victoria esquina Velázquez Moreno. O historicismo medieval está representado en moitas construccións relixiosas da cidade. Destacamos aquí a igrexa parroquial de Santiago de Vigo na rúa de García Barbón, proxectada por Manuel Felipe Quintana en neogótico (1900).

O modernismo está ben representado na cidade, aínda que mostra un carácter atemperado que non quere provocar estridencias nin rupturas. Permanece a composición ecléctica agora animada pola inclusión de repertorios ornamentais modernistas de procedencia vienesa nas fachadas e nos balcóns e miradores de ferro. Dentro das obras de ornamentación modernista na cidade salientamos algunhas obras de Manuel Gómez Román como o Edificio Simeón na Porta do Sol, a casa Mulder na Avenida de Montero Ríos, nº 22 esquina Pablo Morillo e a casa de Saturnino García na Praza de Compostela, esquina García Olloqui. Dentro do modernismo vigués tamén destaca a obra de José Franco Montes representada polo edificio nº 24 da Praza de Compostela e a casa nº 2 da avenida de Montero Ríos esquina García Olloqui.

A volta a un eclecticismo máis academicista está representada, nas primeiras décadas do século, polo Teatro García Barbón (1910-1927), actual Centro Cultural Caixavigo na rúa de Policarpo Sanz, obra do gran arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo, autor dunha significativa arquitectura en Madrid. Presenta unha académica fachada ordenada a través dun orde xigante clásico, inspirada na Ópera de París de C. Garnier pero que agocha solucións máis modernas como unha estructura de formigón que fai de teito do auditorio e solo do teatro. Do mesmo arquitecto e dentro dun clasicismo renovado encontramos na rúa Marqués de Valladares esquina Reconquista o antigo inmoble da Banca Viñas Aranda. Dentro da mesma estética Manuel Gómez Román proxectou o edificio do Banco Pastor (antigo Banco de Vigo) na esquina das rúas de Colón e Policarpo Sanz e o edificio de Correos.

Vigo é a cidade de Galicia que presenta un maior número de exemplos de arquitectura rexionalista. Esta tendencia, introducida en Galicia cun sabor neomedieval por Antonio Palacios co edificio do Concello do Porriño, o templo Votivo do Mar de Panxón (Nigrán) e na propia cidade co Mosteiro inacabado das Salesas Reais, nas inmediacións da rúa de Sanjurjo Badía, ten en Manuel Gómez Román ó seu gran representante e a outros seguidores como Cominges, Jenaro de la Fuente Álvarez, etc. Caracterízase por un intento de búsqueda dun estilo galaico que recolle da historia elementos da arquitectura barroca de placas e da de pazo, para incorporalos a edificios que se proxectan a partir da segunda metade do século. Está ampliamente representada en moitos puntos da cidade por edificios que presentan recercados e molduras en vanos e portas, goteiróns, orelleiras santiaguesas, decoracións de placas, aleiros moi pronunciados, etc. todos dentro dun neobarroco de raiceira compostelána. Tamén a zona residencia do Castro e as rúas de Pi i Margall, Tomás A. Alosno e a zona de Peniche presentan chalets construidos neste estilo. Dentro da mesma tendencia pódese incluir o gran teatro cine Fraga na rúa do Uruguai, obra do arquitecto Luis Gutiérrez Soto.

A arquitectura racionalista incorpórase á cidade da man de Francisco Castro Represas e Pedro Alonso. Manteñen a tradición da pedra e o gusto pola molduración con certa presencia do art decó nas primeiras obras, como sucede no edificio Sanchón (1935) da rúa de Policarpo Sanz ou o edificio Albo da rúa de Urzaiz, esquina Gran Vía. Obra destacada destes arquitectos é o Real Club Náutico de Vigo, magnífico exemplo do primeiro racionalismo aerodinámico.

 

 

+ VIGO

Introducción Arqueoloxía Casco Viejo Casco Vello Arquitectura Etnografía Emigración Miscelánea Natureza Inicio Enlaces Correo