VIGO. CRUCEIROS |
O cruceiro é un dos elementos máis característicos da imaxinería popular galega, e constitúe unha das manifestacións máis importantes da arte popular galega. A súa presencia nos camiños e lugares sagrados esténdese por toda a nosa xeografía. Os inventarios elaborados polo Concello de Vigo recolleron un total de 28 exemplares nas súas parroquias. Existen tamén un bo número de cruces de pedra de antigüidade superior ós 100 anos que se distribúen nos camiños da zona rural viguesa.
A presencia destes elementos é normalmente de orixe devocional, aínda que non faltan tampouco os motivos rogativos, de loubanza ou de ofrenda como causas da súa construcción. Normalmente está financiada por algunha persoa que pretendía gañarse a súa indulxencia ou a da súa parroquia para con Deus; ofrece-la súa construcción como voto para pedir a curación dunha enfermidade ou protección ante unha situación perigosa. No caso de Vigo, o carácter devocional é o máis repetido.
Localización
O normal é que aparezan nas encrucilladas de camiños, espacios relacionados con crenzas pagás posteriormente cristianizadas cos propios cruceiros (lugares máxicos de curación, de reunión de ánimas, bruxas, etc.). Deste xeito estes elementos adquiren un carácter simbólico sagrado, normalmente coa función de protección. Xunto coas encrucilladas outras localizacións comúns son os adros das igrexas, cemiterios, lugares onde ocorreu algunha morte...
Iconografía
A máis común é a crucifixión, representada con variadas e moi diferentes actitudes e estilos. No caso dos cruceiros vigueses a figura de Cristo crucificado en soidade é a máis repetida e só en dous casos presenta outras personaxes: no cemiterio de Cabral no que aparece un anxo que recolle o sangue que abroia da ferida do costado, e no cruceiro do Outeiro de Comesaña, no que se conforma un calvario coas figuras da Virxe e san Xoán ós pés da cruz.
No reverso predominan as representacións da Piedade, agás nos cruceiros de Pazo e Vello de Bouzas. Pese ás variedades de presentación, o que prevalece é ese sentido da dobre natureza de Cristo, como Deus e como Home, expresados a través da maternidade da Virxe e do propio sufrimento na cruz e a súa morte. Esta mesma idea exprésase na Coroación da Virxe que aparece en Bouzas ou na Dorosa do Pazo.
Cronoloxía
En Vigo encádrase entre os séculos XVII e comezos do XX, aínda que temos bastantes exemplos non datados pero si encadrables polo seu tratamento estilístico.
Esquema básico dun cruceiro
As partes básicas dun cruceiro están constituídas polos chanzos; a base sobre a que se apoia a columna ou fuste; o capitel, que adoita aparecer decorado con motivos xeométricos e vexetais; a cruz, que levará a Crucifixión no anverso e unha imaxe dunha Piedade, Dorosa, etc., no reverso.
Algúns exemplos vigueses |
|
|
|
|
Cruceiro do Fragoselo. Parroquia de Coruxo. Data: ? |
|
|
|
|
|
Cruceiro de Oia. Detalle. Ano 1859 |
Cruceiro de Oia. Vista xeral. |
|
|
|
|
Cruceiro de Laxe. Conserva restos de policromía. Parroquia de Sárdoma. Data: ? |
|
Bibliografía |
|
Rodríguez Puentes, Eugenio; Abad Gallego, Juan Carlos. Cruceiros, cruces e petos de ánimas no Concello de Vigo. Concello de Vigo, 1990. |
|
AA.VV. Catálogos do Patrimonio 1. Etnografía. Departamento de Patrimonio Histórico. Concello de Vigo, 1996 |
+ VIGO
Introducción Arqueoloxía Casco Viejo Casco Vello Arquitectura Etnografía Emigración Miscelánea Natureza Inicio Enlaces Correo