VIGO. ETNOGRAFÍA
[ABRE O MUSEO ETNOGRÁFICO LISTE DE VIGO]
Datos extraídos do nº 1 da colección
Catálogos do Patrimonio: Etnografía. Editado polo Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo, 1996. (Pódese adquirir en librerías. Distribuído pola editorial Galaxia)| As arquitecturas adxectivas | Cruceiros | Petos de ánimas |
|
O Concello de Vigo esténdese por unha superficie de 109,4 km2, entre os 42º N e os 8 º, limitando cos concellos de Redondela (N), Nigrán e Gondomar (S, Mos e O Porriño (L) e a ría (O). A súa topografía, conformada polas accións tectónicas e a erosión que sufríu a ría, configurou unha división do territorio en tres unidades de relevo principais: o litoral, o val do Fragoso e as zonas altas que rodean ó val cara ó interior. |
|
O litoral está constituído por unha franxa ocupada polas parroquias de Teis, Vigo-centro, Bouzas, Alcabre, Navia, Coruxo, Oia e Saiáns. Trátase dunha costa caracterizada pola irregularidade na que se alternarán zonas de praias con espacios rochosos producto dun diferente grao de erosión. |
|
O Val do Fragoso, constitúese como unha sucesión de relevos, fallados e superficies premiocénicas de erosión que están modeladas pola acción erosiva dos afluentes do río Lagares. Abrangue a meirande parte das parroquias rurais: Candeán, Cabral, Lavadores, Sampaio, Sárdoma, Castrelos, Matamá e Comesaña. Sen dúbida esta é a zona cunhas mellores condicións para o desenvolvemento agrícola, de aí a densificación destas parroquias, sobre todo na parte máis baixa, en torno ó leito do Lagares e as terras en lixeira pendente cara ó interior. |
|
As zonas altas do interior conforman os límites do val, sobre todo no aliñamento do monte Alba-Cepudo-Galiñeiro, que actúa como divisoria entre o val do Fragoso e o Val Miñor. En torno a esta zona esténdense as parroquias de Zamáns, Valadares, Beade e Bembrive, caracterizadas por unha orografía máis accidentada e variada./ |
|
As condicións naturais favorables da comarca viguesa condicionaron dende sempre unha clara vocación agrícola que mantera a súa vixencia dende os primeiros poboadores ata as décadas intermedias do noso século, cando se suba ó carro do desenvolvemento industrial. Non será ata finais do século pasado, cos primeiros pasos dun proceso industrializador vencellado á explotación dos recursos mariños, cando se produzan as primeiras incorporacións de man de obra ó sector secundario; as instalacións fabrís na ría dende Teis ata Oia, atraerán moita poboación das parroquias interiores nese período, aínda que sen por isto abandoa-las actividades agrícolas tradicionais. Esta situación non influirá decisivamente no noso hábitat tradicional ata que o pulo industrializador desta comarca provoque un forte trasvase de persoas do campo á cidade, o que sucederá xa dende as primeiras décadas do século XX. Ademais, esta tendencia verase acompañada dunha presión constructiva cara ás parroquias interiores tradicionalmente vencelladas á explotación agrícola, de xeito que se incorporarán ó proceso urbanizador das últimas décadas, que nas zonas máis interiores creará un tecido caótico e desordenado que dará lugar a unha mestura do mundo rural e urbano. |
|
Se cadra, esta ocupación caótica do medio rural non logrou aínda borrar totalmente a lembranza dunha sociedade rural, de xeito que un percorrido polas nosas parroquias tradicionais permitiranos observar unha supervivencia dunha importante paisaxe agraria. Será doado atopar un poboamento en barrios ou lugares, moi relacionados con terras de labradío en moitos casos aínda en cultivo; o resultado será a pervivencia dunha agricultura a tempo parcial, na que terá importancia unha producción para o autoconsumo, coma complemento das rendas familiares. Así, os productos máis frecuentes serán os de horta, o viñedo, o millo e os pastos para alimentar a unha escasa cabana gandeira (ovellas e cabras, sobre todo) e máis numerosa presencia de aves de corral. Tampouco será desprezable o aproveitamento dos recursos do monte, que adoita estar nas mans das comunidades veciñais. |
|
En resume, habería que falar dunha certa persistencia do hábitat e actividades rurais en moitas parroquias interiores do municipio vigués, o que será básico na persistencia de moitos dos elementos que constitúen o noso patrimonio etnográfico. Sen embargo, non se pode deixar de aludir ó importante perigo no que hoxe en día está este hábitat rural e as súas manifestacións culturais mobles, inmobles ou espirituais. O envellecemento da poboación que habita estas zonas, a presión inmobiliaria, a perda da rendabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras..., son algúns dos factores que están a piques de facer desaparecer a paisaxe tradicional. |
| As arquitecturas adxectivas | Cruceiros | Petos de ánimas |
Vigo. Etnografía. Páxinas en preparación |
|
As infraestructuras e a organización do territorio |
|
A vivenda popular |
|
As construccións para auga |
|
As construccións relixiosas |
|
As construccións nobres: o pazo, a casa grande, a casa abacial |
|
As construccións para as actividades industriais e artesanais |
|
Outros elementos: escudos, torres e portadas ornamentadas |
|
Cadro-resume do inventario do patrimonio etnográfico inmoble de Vigo |