|
Vigo. Etnografía. Petos de ánimas. |
||
|
Peto de ánimas situado na Avda. de Galicia, en Teis: Conxunto arquitectónico complexo formado por tres partes diferenciadas: pedestal con peto, corpo central enmarcado por unha cornixa curviliña e coa figuración das almas no purgatorio e parte superior coa crucifixión. Falta a data. Nunha cartela pódese ler: "A DEVOCION DE Dn FRANco R D SUY Y SU T… (ilexible)" |
|
|
|
Os Petos de ánimas : A crenza da continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ó ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, está moi arraigado na mentalidade popular galega. A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (s. XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construcción dos monumentos denominados "petos de ánimas", cunha determinada iconografía, co fin de que os vivos poidesen ofrecer esmolas para a salvación desas almas en pena. Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo, pintura…, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro,… Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia. En Vigo catalogáronse 9, se ben consta a desaparición e roubo doutros moitos. |
||