Vigo. Patrimonio Cultural e Natural. Petroglifo das Millaradas II. Matamá.

Situado nunha pedra lixeiramente abombada, de 3 x 2,70 mts. Apréciase a figura dun pequeno cervo de 47 cm. cunha cola formada por un pequeno óvalo. Na parte dianteira do animal aparece unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. Tamén aparecen algunhas coviñas preto do cervo. Metro e medio antes de chegar a este petroglifo pódese ver un círculo de 18 cms. de diámetro con coviña central.

Extraído de: Mar Domínguez e José Manuel Rodríguez Vigo, rutas arqueolóxicas. Concello de Vigo, 1993

Petroglifo das Millaradas II

Os petroglifos son gravados sobre a rocha ó aire libre, realizados mediante piqueteado e/ou abrasión, formando un suco en "U" máis ou menos acusado, aínda que na actualidade son difíciles de ver debido ó forte proceso erosivo. O repertorio de motivos representado neles é moi amplo: cazoletas, coviñas, combinacións circulares, reticulados, antropomorfos, zoomorfos, armas..., que poden permanecer illados ou formando complexas asociacións. O seu significado é difícil, xa que son poucas e minoría as representacións identificables, polo que xeralmente se lles relaciona cunha simboloxía relixiosa. No Concello de Vigo existe unha importantísima representación destes elementos, distribuídos principalmente en toda a cadea montañosa que rodea á cidade e con especial relevancia nos montes do Sur (Coruxo, Oia, Comesaña, Valadares, Saiáns) e nos concellos veciños de Nigrán e Gondomar. En vigo é de salientar o da "Pedra Moura" en Coruxo, polas súas dimensións e trazado. Datación 2.000-1.800 a.de C.

ADVERTENCIA IMPORTANTE

Volver á portada

Ir a Vigo arqueolóxico