Vigo 2002
III Centenario da Batalla de Rande. Propostas para unha conmemoración
Texto: Rafael Ojea
As propostas que aquí se recollen son exclusivamente persoais e parten dunha reflexión sobre o papel da historia no desenvolvemento e na potenciación de elementos de identidade cidadá. Algunha forma parte doutras propostas ou iniciativas xa existentes e que aquí se recollen integradas cun obxectivo común.
Un 23 de outubro de hai hoxe douscentos noventa e oito anos, as augas da ría contemplaron o lume, o estrondo e os berros dunha sanguenta batalla. A flota e as forzas de terra anglo-holandesas ó mando do almirante sir George Rooke, derrotaban á escuadra da prata, ós buques de guerra franceses, ós galeóns españois resgardados na enseada de San Simón cargados co tesouro de Indias, destruían as fortificacións e aniquilaban ás tropas da costa. A Batalla de Rande, os seus mitos e as súas realidades pasaron dende aquel momento a unha difusa memoria colectiva: ó xúbilo dos vencedores -"the Glorious Victory at Vigo" cita textualmente un informe de 1703 dun dos oficiais das forzas inglesas-, e ó esquecemento dos vencidos.
Galería de imaxes históricas da Batalla
A Batalla de Rande tivo un amplo eco fóra das nosas fronteiras: en 1703 Inglaterra acuña moeda coa prata dos galeóns, co nome de Vigo gravado en honor á Batalla, fúndense medallas conmemorativas, o nome dunha rúa en Londres -ese Vigo Street para fotografarse de turista sen sabermos moi ben de onde vén tal ocorrencia-, múltiples gravados holandeses, ingleses, franceses ou expedicións de rescate. Os buscadores de tesouros holandeses, ingleses, franceses, italianos, suecos, norteamericanos, belgas, algúns españois -os menos- tentan, dende mesmo o día seguinte ó enfrontamento, subir do fondo non sabemos cantos nin cales obxectos.
Sen embargo, para o Vigo de hoxe, a Batalla de Rande é só un pequeno monumento no Castro, reiteradas e insulsas citas turísticas, algún interesante suplemento na prensa, un libro -o de R. Stenuit- escrito en 1957 e reeditado en galego por Edicións Xerais, e case nada máis. Sorprende a ignorancia que sobre os detalles deste feito histórico ten a nosa poboación, pero máis sorprende contemplar como nada recorda tal feito. Cousas do mar: o naufraxio en 1890 do buque-escola inglés Serpent na Costa da Morte, no que morren 172 mariños é lembrado alí dende sempre e, ó carón do Atlántico, o "cemiterio dos ingleses" é testemuña permanente do recordo ós mariños mortos. Pero nin un caravel ó mar que lembre os 2.800 mortos da batalla de Rande, nin un obxecto no Museo Municipal, nin unha investigación histórica máis alá do meramente divulgativo.
Dende a última expedición en 1957 realizada por Robert Stenuit e Jhon S. Potter Jr., e se esquecemos a experiencia da búsqueda do Santo Cristo de Maracaibo polo ano 1989, incriblemente só se realizou unha excavación arqueolóxica en regra, dirixida entre 1991 e 1993 polos arqueólogos Cristina Toscano e Javier Luaces, sen que puidera ter continuidade. Pero, como din Luaces, Toscano e Carballo, autores do libro Arqueoloxía, editado polo Concello de Vigo en 1998 "os tesouros de Rande si existen e xa foron atopados. Non se trata de dobróns de ouro e lingotes de prata, senon os restos dunha derrota naval, un anaco da nosa Historia que repousa baixo o lodo da enseada de San Simón". Nós cremos o mesmo e pensamos que é a hora e a oportunidade para rescatar e poñer en valor a memoria.
En outubro de 2002 cumprirase o III centenario da Batalla. Moitas cidades teñen aproveitado acontecementos históricos variados para dar un pulo, para proxectar a súa imaxe, para a promoción turística, para acometer ó seu abeiro algunhas actuacións de mellora da imaxe urbana, para acrecentar a identificación dos seus habitantes co seu espacio vital. A celebración do III centenario da Batalla de Rande, coidamos que pode ser unha desas escasas oportunidades. O feito de participaren na mesma 4 países europeos permítenos chegar directamente a eles para lembrar a existencia desa Vigo Bay con considerablemente máis eficacia que os stands e campañas ó uso.
Se temos en conta que o ano 2002 debería ser o da inauguración e apertura do Museo Galego do Mar e do de Arte Contemporánea de Vigo, ou posiblemente o do remate das obras do proxecto de Abrir Vigo ó Mar e, con sorte, do novo Auditorio na Beiramar, a idea de conmemorar de xeito especial este centenario faise aínda máis atractiva, pois daría unha nova proxección e internacionalizaría estes importantes novos equipamentos culturais da cidade.
Propostas para unha conmemoración
Aproveitemos a oportunidade. Aí van algunhas propostas perfectamente viables conque concorran as vontades necesarias e comecen xa os preparativos:
EXPOSICIÓN
- A primeira exposición antolóxica sobre a Batalla de Rande e o seu contexto histórico e naval (¿a primeira do novo Museo do Mar de Galicia?), o que implicaría escomezar un labor de xestión, investigación e contactos ata o de agora inéditos.
PARADA NAVAL
- Unha gran parada naval e regatas de barcos de época e tradicionais dos catro países que permita reunir na ría centos de barcos clásicos, dende os grandes veleiros ata as pequenas embarcacións tradicionais de pesca e recreo, emulando o gran espectáculo que nos últimos anos se repite na Bretaña, coa participación de millóns de persoas. Tal parada, como é sabido, só é posible con motivo dun gran acontecemento pois os grandes veleiros teñen un apretado calendario e só acoden a convocatorias deste calibre. Esta parada podería completarse coa das súas modernas escuadras (como aquelas visitas reiteradamente fotografadas no primeiro tercio do século). Completaríase tamén cunha gran regata de traíñas e outra das "Yolas 1796", preciosa embarcación de remo e vela que ten un forte desenvolvemento en distintos países europeos, asociadas a programas de dinamización xuvenil.
CONSTRUCCIÓN DUNHA RÉPLICA DUN NAVÍO CLÁSICO
- A construcción dun veleiro clásico (¿por que non a reproducción dun dos pataches participantes na batalla?) en estaleiros da Ría, que levaría o pavillón de Vigo nos múltiples eventos navais existentes e serviría como barco-escola de navegación tradicional.
INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA
- Unha campaña de excavacións arqueolóxicas sistemáticas na zona e a declaración de Ben de Interese Cultural do xacemento subacuático de Rande
UNHA ÁREA DE BARCOS CLÁSICOS E TRADICIONAIS NO PORTO DE VIGO
- A inauguración dunha zona especializada no porto para embarcacións clásicas e tradicionais, que convirta a Vigo nunha referencia cultural e turística de recuperación do patrimonio marítimo, que podería asociarse a un un congreso internacional sobre a cultura marítima,
INTERVENCIÓNS DE MELLORA URBANA
E algo moi importante para que estas celebracións deixen a súa pegada material na cidade -seguindo os exemplos doutras, como recentemente a de Porto con ocasión da ser no ano 2001 Capital Europea da Cultura-: a execución de proxectos de mellora imprescindibles, como a recuperación integral da fachada marítima tradicional do Berbés e Bouzas, das fachadas das edificacións históricas de Montero Ríos, Alameda e Avenidas ou a musealización da vila marítima galaico-romana de Toralla integrada nun itinerario arqueolóxico de altísimo valor que iría dende Bouzas a Alcabre coa excavación e musealización da fábrica de salazón romana do Fiunchal, a vila romana da praia do Cocho ou o recentemente descuberto castro da Idade do Ferro nos terreos do Museo Galego do Mar.
E, por que non, unhas flores ó mar en recordo de aqueles que, infelizmente, adoitan pagar coa súa vida a defensa dos intereses doutros e tinguen a Historia de cor vermella e cheiro a pólvora.
Vigo, outubro 2000