Vigo. Arqueoloxía. Vila galaico-romana de Toralla. Oia.

Esta vila romana atópase nun dos extremos da praia viguesa do Vao, en terra firme (non confundir coa illa de Toralla). Este xacemento fóra escavado neste século, sen metodoloxía arqueolóxica por iniciativa dos antigos propietarios da finca, deixando ó descuberto un rectángulo de 16x13 mts. cun altura de 0,30 mts. co interior dividido en varios compartimentos. As escavacións sistemáticas realizadas nos anos 1992, 93 e 94 puxeron de manifesto un novo edificio de planta reticulada con lareira, praefurnio, hipocausto, restos de mosaico... e permitiron data-la vila contra os séculos III ó VI d.C. As escavacións levadas a cabo por Purificación Soto e J.M. Hidalgo, permitiron tamén a recuperación de importante material arqueoloxico: basas de columnas, cerámica decorada, mosaicos, vidros, moedas... que amosan un forte contacto comercial. Neste momento a vila atópase en proceso de musealización para a súa visita pública.

Vista parcial escavacións vila romana Toralla

O temperán e forte contacto da comarca de Vigo co mundo romano, queda testemuñado na gran cantidade de restos desta época localizados. Os primeiros contactos remóntanse á expedición de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.C. ó que seguiron as diversas expedicións que lograron o control polo imperio do Noroeste peninsular tralas guerras cántabras, na época de Augusto. Estes contactos produciron unha serie de cambios importantes de gran transcendencia para o futuro, coa aparición de novas e importantes vías de comunicación e, sobre todo, coa fundación de novas cidades (Lucus Augusti: Lugo; Brácara Augusta: Braga; Astúrica Augusta: Astroga) que actúan como focos difusores da cultura romana, impóndose así o latín sobre as linguas indíxenas e, en definitiva, impoñéndose a cultura material romana cos novos gustos e costumes. Como novo tipo de hábitat saliéntanse as vilas romanas, un tipo de asentamento que ten como finalidade económica o seu autoabastecemento, e que en ocasións son residencias de recreo de importantes persoeiros do mundo romano local. Vigo conta con importantes referencias de vilas romanas como as de Sobreira (Canido), Cocho (Alcabre), Fiunchal (Alcabre), cunha interesante factoría de salazón esta última, e restos romanos relevantes en Teis, rúa Marqués de Valterra e Areal. En concreto, as escavacións na rúa Fermín Penzol e nas rúas Hospital e Pontevedra poñen de manifesto a existencia do Vicus romano, que se extendería entre o límite do actual Casco Vello na rúa citada e as inmediacións da rúa Hospital onde se documentou en 1995 a existencia dunha importante necrópole e estructuras portuarias de época romana.

ADVERTENCIA IMPORTANTE

Volver á portada

Ir a Vigo arqueolóxico