RETRATO BITONO

FIRMA

B........I........O........G........R........A........F........Í........A

Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense o 5 de marzo de 1888. Fillo de Dona Eladia Pedrayo con quen estaría especialmente unido ó longo da súa vida- e de Don Enrique Otero, médico que exerceu xenerosamente a súa profesión desde o Pazo de Trasalba, nos Chaos de Amoeiro.

O neno Ramón Otero criouse no seo dunha familia culta e liberal. Seu pai fora defensor de Curros fronte ás inquinas da reacción conservadora local e a súa casa sobre todo a de Ourense, na Rúa da Paz- era centro de tertulias polo que pasaron a Pardo Bazán e outras destacadas figuras da intelectualidade galega do solpor do XIX.

Otero naceu nunha rúa que era daquela o centro do paseo dos señores na cidade e ó lado do Teatro Principal, núcleo da actividade cultural dunha cidade de forte fasquía rural que contaba daquela cuns doce mil habitantes. Na súa mesma casa, no primeiro, naceu e criouse o neno Vicente Martínez-Risco e Agüero. A súa amizade e mútua influencia intelectual será permanente ó longo da vida dos dous máis destacados membros da Xeración Nós.

Ramón cursa o bacharelato no Instituto de Ourense que hoxe leva o seu nome no Xardín do Posío- e trala ceda morte de seu pai pasa a Santiago para segui-los estudios de Filosofía e Letras que ha rematar en Madrid. Na capital española, onde el acudira devecente de acadar unha definición e formación intelectual conforme ós tempos, le tan intensa como asistemáticamente obras de xeografía, historia, filosofía e literatura. As lecturas literarias que máis o cobizan son as de Baudelaire, Verlaine, Balzac, Stendhal e Chateubriand. Esta etapa de tanteos e indecións sobre o futuro intelectual e o seu compromiso co mundo exterior sería maxistralmente recreada na súa novela "Arredor de si".
De volta en Ourense en 1911 intégrase non grupos dos "inadaptados" no que participan Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Os tres, amigos desde moi noviños, habían seguir evolucións intelectuais semellantes, traballando en empresas colectivas como o Ateneo ou a revista La Centuria e pasando dun acentuado individualismo antisocial a un compromiso galeguista na súa etapa de madurez. Sen embargo tamén se poden recoñecer matices importantes nesta evolución. O que para Risco fora unha reviravolta intelectual, fora para Otero unha descuberta case dolorosa. Risco achégase desde o problema da esencia dunha cultura devecente e Otero desde o solpor dun sistema social que se descompón. Castelao e outras persoas que coinciden xeracionalmente co grupo Ourensán ó que cinguimos en purirdade o nome de Nós- hase achegar ó galeguismo desde a descuberta dos problemas sociais que conleva a ausencia dun poder especificamente galego para a resolución dos problemas que trae consigo a nova sociedade que se espalla cos ventos do século XX.

NAVesq1derFondo

Maqueta Web Bevel.3

Maqueta Web Bevel.3A

Maqueta Web Bevel.3B

Maqueta Web Bevel.3C